Din os supersticiosos que o trece é un número de mala sorte mais eu dígolles todo o contrario, xa que foi un domingo trece o día no que tiven a sorte de percorrer vintedous quilómetros cheos de historia e paraxes incribles, rodeada de persoas igualmente estupendas, grazas ás cales en cada ruta vou comprendendo e vendo na práctica o significado das palabras esforzo, solidariedade e compañeirismo; verbas que se revalorizan e que cobran todo o seu sentido grazas ao labor de Senda Nova, que non só as pon en práctica senón que consegue contaxiar ese espírito entre todos os que participamos nas súas actividades.
Malia que a meirande parte do percorrido ía discorrer por terras do concello de Trazo, deixamos as nosas primeiras pegadas en Tordoia, concretamente na aldea de Castrillón, que debe o nome ao seu castro, cuxa croa é (des)aproveitada como terreo agrícola. Deixando atrás algunha fermosa casa de pedra e tras uns metros de asfalto, adentrámonos no monte Pedroso, facendo unha pequena parada no entorno da Pedra Faladora, que non puidemos visitar por mor da vexetación que cubría o camiño de acceso. Moi proveitosas foron as explicacións de Evaristo sobre o proceso de formación deste tipo de pedras graníticas, xustamente ao pé dunha delas.
Despois de máis de tres quilómetros percorridos, e despois de atoparnos cun escáncer no medio do camiño (o pobre levou o susto da súa vida), fixemos unha pequena parada na igrexa de San Martiño de Monzo, cuxa orixe se remonta ao século XII, mais sen apenas interese arquitectónico despois das reformas de 1958 e 2003. Consideración especial merece tanto o cruceiro como un vello panteón situada a carón do templo.
Seguimos o noso camiño e entramos na parroquia de Restande, onde contemplamos a igrexa parroquial, na que destacamos a súa espadana rodeada de balcón, elemento insólito nas igrexas galegas. Sen saír desta parroquia, detémonos no pazo de Vilacova. Non só poidemos contemplar o pazo, a anexa casa dos caseiros, o pombal, o hórreo ou a fermosísima fonte, senón que tivemos a sorte de camiñar polo interior do recinto ao tempo que escoitabamos as interesantes explicacións de Xabier, descendente dos caseiros do pazo, ao que me gustaría agradecerlle o interese que transmite polo noso patrimonio e, por suposto, que nos fixera partícipes aos demais da historia do pazo.
Deixamos atrás a espectacular vista que ofrecía a fachada principal do pazo e, atravesando as noutrora propiedades dos señores do pazo, chegamos á capela do Carme da Ermida (en territorio de Tordoia mais sen saír do concello de Trazo), rodeada dunha espectacular carballeira e chea desas plantas que por Seavia chamamos “cuchas”, cunhas boliñas perfectas para os tirabogas. Repostas as forzas cun potente bocata, dispuxémonos a facer os trece quilómetros que aínda nos quedaban por diante.
Como sempre pasa nestes roteiros, non só vemos o patrimonio que aínda queda senón que tamén imaxinamos como sería aqueloutro que non se conserva e cuxa existencia coñecemos grazas ás sempre interesantes explicacións de Evaristo. Neste caso, soubemos que na aldea de Lestrove existiu unha torre, fortaleza dos Bermúdez de Montaos, cuxas pedras foron empregadas non hai moitos anos como entullo para a construción dun pallote. Restos do pasado sepultados baixo a modernidade do formigón.
Pasamos o castro de Lestrove, cunha potente muralla defensiva, e acompañados dun sol de xustiza, fixemos o último descanso na capela de San Xosé de Oa, xa en Xavestre, pequena pero acolledora construción cuxa sombra quedou pequena para todos os camiñantes. Xa levabamos nos pés case quince quilómetros e o cansanzo do camiño e do sol facíase notar, pero quedaba o mellor, ¡o camiño á beira do río Chonia!
Os avisos da peligrosidade deste tramo non eran en van, pero a beleza do entorno ben merecía un esforzo. Pedras puntiagudas que subiamos ou baixabamos como podiamos, pasos estreitos xustiño a carón do río… ¡e pontes colgantes artesanais de madeira para poder cruzar o río! Pouco a pouco, fomos pasando todos a primeira destas pontes pensando que o peor xa pasara, pero cando vimos a segunda e o estreito muro que viña a continuación… Uns calaban e observaban, outros facíanse os valentes e outros expresaban verbalmente o seu medo, pero o certo é que todos fomos pasando, con máis ou menos axuda. Os membros de Protección Civil de Carballo (“os de laranxa”) ben mereceron o bocadillo desta vez por todo o traballo que tiveron! Gran labor o desta organización, que acaba de facer as súas vodas de prata.
Este tramo a carón do río foi moi dificultoso pero espectacular. Acompañados dun Chonia desbordante, cheo de saltos de auga e dese rumor tan relaxante que tan en contacto nos pon coa natureza fomos vendo vellos muíños, minicentrais eléctricas e incluso batáns, algún deles relativamente ben conservados malia o total abandono do que son vítimas. Baixamos até a desembocadura do Chonia e alí o río non parecía o mesmo, o río bravo que levabamos vendo todo o traxecto era agora no seu fin un río cheo pero calmo xusto antes de mesturarse co Tambre, nun entorno de abeleiras deses que xa quedan poucos.
O último tramo puxo a proba a resistencia de moitos, catro quilómetros de subida cun desnivel de máis de 150 metros e baixo un sol de pleno verán. E, por fin, chegamos ao punto de chegada, a aldea de Portomeiro, despois de deixar atrás o castro do mesmo nome. Eran as oito da tarde, baixo os nosos pés 22 quilómetros de esforzo, pero tamén de patrimonio, historia e compañeirismo.
A dureza deste roteiro non se pode negar, non só polo número de quilómetros, tamén polo dificultoso tramo a carón do río. Pero é este un deses roteiros dos que sacamos grandes ensinanazas. A nivel persoal aprendemos o valor do esforzo e a satisfacción de superar pequenos medos (como pasar por lugares polos que xamais pasariamos nós sós). A nivel colectivo, dámonos conta da importancia do compañeirismo, mirar para adiante e ver que hai unha man estirada para axudarche, ver que nun momento en que esvaras e estás a piques de caer ao río hai unha persoa que evita por todos os medios que caias.
O éxito deste roteiro non é algo casual, hai un traballo e un esforzo grande por parte da xente da asociación, de todos e cada un dos seus membros que poñen o seu tempo e o seu esforzo para que gocemos destas rutas. Non vou dar nomes porque sería inxusto se me esquezo dalgunha persoa, pero gustaríame especialmente destacar a alguén que representa como ninguén o espíritu de Senda Nova, unha persoa humilde a agradecida, que contaxia a súa enerxía e a súa ilusión, que intenta sacar sempre a parte positiva das cousas e, sobre todo, que sabe sacar o mellor de cada persoa que traballa con el. Grazas, José Manuel Menéndez.
Laura Mariño Taibo




